Monday 13 de May de 2024

Ángeles Vázquez subliña que Sogama é a plata máis eficiente de Europa con capacidade para tratar ata 3 millóns de quilos de residuos ao día


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salienta que esta planta de valorización conta con tecnoloxía de vangarda e de última xeración coas que manter todas as súas emisións por debaixo dos límites

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, afirmou esta tarde que Sogama é a planta de tratamento de lixo máis eficiente de Europa, cunha capacidade de ata 3 millóns de quilos de residuos urbanos ao día, e con tecnoloxía de vangarda e de última xeración que permite manter todas as súas emisións por baixo dos límites.

A conselleira de Medio Ambiente interveu no pleno do Parlamento, onde reiterou que se trata dunha instalación que dá servizo ao 94% do concellos galegos cumprindo con todos os requisitos medioambientais, rigorosas medidas de prevención e coa Lei de contratos do sector público. “Sogama traballa coa máxima pulcritude, co máximo control e responsabilidade”, engadiu.

Salientou que cada xornada se tratan no complexo de Cerceda máis de 2,2 millóns de quilos de residuos, que na época estival pode acadar picos de ata os 3 millóns. “A planta está operativa as 24 horas do día, os 365 días do ano“, defendeu Ángeles Vázquez.

Así mesmo, lamentou que se intente alarmar e xerar confusión cando as plantas de valorización enerxética, como o caso de Sogama, son instalacións sobre as que rexe un exhaustivo control, pesando sobre as mesmas unha rigorosa lexislación que supera á doutros sectores, con numerosas inspeccións medioambientais de carácter mensual, trimestral, semestral e anual.

Este correcto funcionamento tamén se rexistra noutras áreas, como no vertedoiro de Areosa. Sogama reduciu nun 98,6% o depósito directo en vertedoiro, ao pasar das case 414.000 toneladas de lixo en 2008 ás 5.473 en 2020. Na actualidade, tamén dá servizo aos concellos para o tratamento dos biorresiduos e, aínda que a cantidade de materia prima que recibe é pequena, esta é de gran calidade, tal e como revelan as primeiras análises onde se constata que a presenza de impropios está nun 3%.

Cómpre lembrar que a Xunta seguirá a traballar para axudar aos concellos galegos a implantar a recollida de biorresiduos, para o que se investirán 35 millóns de euros en construír tres novas plantas e adaptar as 13 de transferencia, co obxectivo de que os concellos galegos conten cunha planta a menos de 50 quilómetros de distancia.